Vivir xuntas doutra maneira é posible
A vivenda colaborativa nace como alternativa á lóxica individualista e especulativa do acceso á vivenda. Son proxectos impulsados por persoas que deciden organizarse para crear, de forma colectiva, o seu propio lugar para vivir. Alén de compartir espazos, pretenden construír un estilo de vida baseado en valores como a sustentabilidade, os coidados, a participación e o vínculo coa contorna.
Nestes procesos, a arquitectura, o financiamento ou o modelo xurídico son importantes. Mais hai un elemento chave que sostén e dá sentido ao conxunto: a cohesión grupal. Sen ela, o proxecto pode desgastarse, fragmentarse ou perder a súa razón de ser.
Coidar o grupo para facer realidade o proxecto
Cando un grupo de persoas se xunta para poñer en marcha un proxecto de vivenda colaborativa, acostuman partir dun lugar de entusiasmo, creatividade e compromiso. Compártense ideas e valores, e xérase unha enerxía fundamental para que arrinque o proxecto. Esa motivación e visión común dá forza ás persoas para investir tempo non só en soñar con esa vivenda compartida, senón tamén en crear estruturas de traballo e sistemas de toma de decisións que permitan avanzar cara ao obxectivo común.
Con frecuencia, moitas das persoas impulsoras teñen experiencia previa no traballo colectivo ou no activismo social. Mais a diversidade pode ser ampla, e tamén pode haber quen se enfronte por vez primeira a un proceso de construción colectiva. O encaixe e a cohesión do grupo serán fundamentais para conformar unha comunidade unida que mire cara a un futuro común.
Un momento clave é a incorporación de novas participantes, ás que é necesario integrar nas dinámicas do grupo, na distribución de tarefas e responsabilidades, e facer partícipes dos valores e obxectivos establecidos. Outro momento crítico é a materialización da iniciativa: cando hai que elixir unha localización, definir criterios de vivenda ou asumir custos iniciais. Estas decisións poden implicar que algunhas persoas que levaban tempo no grupo non poidan continuar e decidan marchar.
Nestes contextos cambiantes —coa entrada e saída de integrantes e co paso do tempo—, as dinámicas modifícanse: xorden visións diferentes, necesidades diversas e, ás veces, tamén conflitos. Conflitos que, se ben achegan moita información, deben ser abordados coidando tanto ás persoas como ao propio proxecto común.
A dimensión grupal tamén se traballa
É aquí onde cobra especial relevancia traballar de forma consciente a dimensión grupal. Crear unha comunidade de convivencia require algo máis que acordos formais: precisa espazos para coñecerse, dialogar, compartir expectativas e coidar os vínculos. A cohesión non se dá por feito: constrúese día a día, con dedicación e ferramentas axeitadas. E canto máis se traballe neste sentido, máis doado será abordar temas complexos fundamentais para a sostibilidade do proxecto e o benestar das persoas que o integran.
A facilitación como apoio ao grupo
Aquí entra en xogo a facilitación de grupos: unha práctica profesional que ofrece metodoloxías e acompañamento para mellorar a comunicación, fortalecer a confianza, xestionar conflitos e fomentar a participación equitativa. A facilitación non substitúe a capacidade do grupo, senón que a potencia, creando as condicións necesarias para que as persoas se escoiten, tomen decisións de forma consciente e co-creen un proxecto sólido.
No ámbito da vivenda colaborativa, contar con persoas facilitadoras dentro dos equipos técnicos que acompañan o proceso é un valor engadido. Equipos como o de Agrelar Consultora, con perfís multidisciplinares —que inclúen arquitectura, urbanismo, economía, asesoramento xurídico, comunicación e facilitación de grupos—, permiten acompañar os procesos cunha visión integral.
Isto posibilita atender non só os aspectos técnicos ou legais, senón tamén todo o que acontece na esfera humana: emocións, roles, lideranzas, coidados, expectativas… Todo iso que non aparece nos planos, nos excels ou nos contratos de arras, pero que é esencial para que o proxecto funcione.
Facilitadora de grupos en Agrelar Consultora e 50pés consultoras. Formada en xestión e facilitación de grupos polo IFACE (Instituto de Facilitación e Cambio España).

Comentarios recentes